(IN)VISIBLES: DOCE MESES, DOCE MULLERES

Programa de Igualdade para visibilizar a pegada e o legado que deixaron e deixan as mulleres na sociedade silledense.

Con esta iniciativa preténdese poñer en valor a historia vital de doce mulleres silledenses, unha por cada mes do ano, creando así tamén referentes para a poboación máis nova.

ABRIL 2024: Clara Otero Pérez

Para conmemorar o Día Internacional das Nenas nas TIC, presentamos a Clara Otero Pérez.

Natural de Silleda, Clara é Directora Senior en NXP, unha das maiores empresas globais de semiconductores que deseña e produce chips para o mundo do automóbil, a industria e os móbiles.

Como responsable de innovación e marketing de produtos electrónicos para vehículos eléctricos, Clara viaxa polo mundo visitando os departamentos de investigación dos maiores fabricantes de automóbiles e se relaciona con diferentes universidades e centros de investigación.

Licenciada en Física pola Universidade de Santiago en 1998, Clara comezou a traballar no prestixioso Laboratorio de Investigación de Philips nos Países Baixos, desenvolvendo microprocesadores para televisores dixitais.

De investigadora pasou a xefa do laboratorio de innovación de sistemas de NXP onde traballou na introdución da tecnoloxída NFC e seguridade nos teléfonos de Google e Apple, a tecnoloxía que nos permite pagar cos teléfonos.

Nos últimos 10 anos, Clara foi unha impulsora líder detrás da estratexia de sistemas de NXP e o foco pasou ás tecnoloxías claves para facer os coches máis seguros (o radar e a intelixencia artificial), eficientes (sistemas de xestión de batería, mellora dos motores eléctricos) e conectados (sistemas de arranque sen chave, conexión segura á nube).

Tamén ocupa postos de liderazgo na xestión do sitio de Eindhoven (onde traballan 1000 empregados) e como membra da xunta directiva Women In NXP, loitando pola diversidade e inclusividade no mundo empresarial.

No persoal, Clara ten unha familia multicultural, con 5 fillos e parella italiana cos que lle encanta visitar Galicia, perderse polos Dolomitas e navegar.

MARZO 2024: Marisa Miguélez Núñez

Para conmemorar o Día Internacional da Muller presentamos a Marisa Miguélez, pintora e poeta silledense.

Natural de Silleda.

Dende moi pequena debuxaba. Conta que, a unha idade temperá, foi unha das súas profesoras do parvulario quen prendeu a mecha desta afección. «A miña mestra pintaba na pizarra con tizas de cores. Aquelo para min era moi chamativo, quedaba mirando pra ela, vendo que facía. Foi unha das personas que máis influíu na miña vida pictórica».

Foi alumna do profesor Francisco López Carballo en Santiago, aínda que ela considérase autodidacta. Comeza a pintar algún cadro pero non é ata 1971, ao emigrar a Suíza, onde pasa 1 ano e medio, cando de verdade empeza a inspiración desta artista.

Da morriña inmensa á súa terra galega nacerán moitos dos seus poemas que despois cobrarán forma nalgunha das súas obras pictóricas. A maioría son un canto á maternidade, á natureza e á vida.

Xa de volta en Galicia exerce o maxisterio ata a súa xubilación no 2013.

Compaxina o seu traballo coa pintura, a escultura e os coidados familiares dos seus 6 fillos que, indudablemente, obrigárona a realizar algún breve parón no seu prolífico traballo.

Comeza a súa obra pintando paisaxes, despois flores e comeza máis tarde, pouco a pouco, coas figuras humanas. As súas modelos foron as paisanas que traballaban no campo pero as súas verdadeiras musas teñen que ver coas mulleres da súa familia, especialmente as súas avoas e a súa nai, mulleres valentes que a marcaron.

Gústalle pintar a alegría, os sorrisos e as miradas. As cores dos seus cadros din moito do momento vital no que se atopa.

Expuxo en Suíza, Francia, Austria, Italia, Portugal, España, EE. UU., México pero como ela mesma di: “onde mellor se ve a obra dun artista é no seu estudio”.

FEBREIRO 2024: Flavia Fondevila Pena


Para conmemorar o Día da Muller e da Nena na Ciencia presentamos a Flavia Fondevila Pena, Doutora en Biomedicina e Ciencias da Saúde.

27 de decembro de 1994. Silleda.

Pasa a súa infancia en Silleda e tras rematar o Bacharelato de Ciencias con Matrícula de Honor, decide estudar o Grao en Biotecnoloxía, para o cal se traslada á Universidade de León.

Ao graduarse, o seu interese polo ámbito da investigación científica seguiu incrementándose, estando especialmente interesada no campo da investigación biomédica. Así, continuou coa realización do Máster Universitario en Innovación en Ciencias Biomédicas e da Saúde, obtendo o Premio Extraordinario de Fin de Máster por ser o mellor expediente académico.

No 2017 comeza a súa carreira como investigadora cando o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de España lle outorga unha beca para levar a cabo a Tese de Doutoramento no Instituto de Biomedicina da Universidade de León (IBIOMED). Mentres desenvolve a Tese, tamén exerce como Persoal Docente e Investigador do Departamento de Ciencias Biomédicas, e realiza unha estancia de investigación internacional na University Hospital of Basel (Basilea, Suiza).

No 2022, despois de duros anos de traballo, que requiren indubidablemente dunha gran paixón, motivación, esforzo e perseveranza, acada o título de Doutora en Biomedicina e Ciencias da Saúde pola Universidade de León, con mención de Doutoramento Internacional e máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

“Aínda que o camiño non é nada sinxelo, a satisfacción de converterse en Doutora despois de duros anos de traballo e, sobre todo, a satisfacción de poder contribuír á sociedade co teu pequeniño gran de area a través da investigación científico-biomédica, prevalece sobre todo o demais” di Flavia.

Dende 2023 ocupa o posto de Responsable de Asuntos Regulatorios en PlenOptika. Esta empresa tecnolóxica con sede en Madrid e Boston, tivo as súas raíces no Massachusetts Institute of Technology (MIT; en Massachusetts, EE. UU.), e adícase á innovación no ámbito da visión e á fabricación de produtos sanitarios.

XANEIRO 2024: Nieves Esther Taboada Estévez


Abre o programa Nieves Esther Taboada Estévez, a muller máis lonxeva de Silleda que tivo a honra de inaugurar a nova casa consistorial, xunto coa veciña máis pequena do municipio naquel momento.

25 de outubro de 1918. Cóscaros, Siador.

Na casa de Xan nace unha meniña, a máis nova de tres irmáns. Nieves é o nome elexido para ela.

Nun fogar marcado pola diáspora, aos sete anos queda ao coidado da súa avoa e o seu avó cando os seus proxenitores emigran a Cuba. Sete anos despois retornan pero a alegría da volta vese ensombrecida pola marcha do seu irmán máis vello, que decide emigrar a Buenos Aires. Nunca se volveron a ver.

Casou con Manuel Rozas. Os seus sogros eran caseiros na casa grande de Covas: cun sorriso lembra as filloadas rodeada de familia. Non tiveron fillos pero como ela di “a quen Deus non lle dá fillos o Demo dálle sobriños”.

Xunto co seu home traballou arreo na terra e co gando. Nieves é unha muller labrega: forte, con carácter, vital, agarimosa, risueña, moi faladeira e resiliente. Sempre asumiu o coidado da súa familia.

Traballadora e autónoma, aos 102 anos aínda segaba coa gadaña e vivía soa na súa casa. Hoxe con 105 anos aínda le o xornal sin lentes, calceta todos os días e nunca perde o sorriso.

O seu relato é una fonte de inspiración e unha lección de vida que invita a reflexionar sobre a dureza da vida das mulleres. Ela non o sabe, pero a súa testemuña é un tributo a todas as mulleres rurais da súa época, mulleres que desempeñaron papeis fundamentais nas familias. O segredo: traballo, determinación e esforzo.